
O popular cociñeiro do programa Larpeiros da Televisión de Galicia, Benigno Campos, propón un percorrido saboroso pola cociña galega de sempre, tradicional e sinxela, á que engade unha achega persoal en cada un dos pratos propostos e a recomendación dun viño axeitado para os acompañar. O saber culinario de Benigno Campos Melón vénlle de Chapela, o barrio que une Vigo con Redondela, ao pé da ría, onde medrou entre os sacos, as latas e os aromas do negocio familiar de ultramarinos, e onde tivo un forno de pan a poucos pasos da súa porta e xogou nunha praia rica en ameixas, berberechos e beretes, lindante con leiras de leitugas e patacas.